Causa Galiza convoca manifestación nacional contra a constitución española o 6 de Decembro en Vigo
A Galería Sargadelos de Vigo acolleu está mañá ás 12:00 a presentación dos actos da Causa Galiza para o 6 de Decembro, en rexeitamento da constitución española xurdida da reforma do réxime franquista, que é o cadro xurídico, político e administrativo para a opresión de Galiza e a explotación do pobo traballador.Integrantes desta entidade e dos centros sociais da comarca de Vigo anunciaron a convocatoria dunha manifestación que vai saír o xoves ás 12:30 da Vía Norte desta cidade.
Con esta convocatoria, a Causa Galiza insiste en pór de novo a reivindicación elemental da soberanía galega, sen ceder nin un milímetro na exixencia da autodeterminación como única garantía democrática fronte á imposición constitucional. No día da constitución española, insiste na vixencia desta loita, e fai un chamamento a participar desta manifestación ás organizacións políticas, sociais e sindicais que defenden o dereito dun pobo a decidir.
Ademais, esta presentación dá comezo a organización a nivel comarcal e local da Causa Galiza. Desde esta cidade, como desde todo o país, Causa Galiza vai desenvolver unha campaña pedagóxica intensiva para socializar o significado e necesidade do dereito de autodeterminación e reivindicar o seu recoñecemento e exercicio, vinculándoo sempre coas necesidades da maioría social galega e desde unha óptica de esquerda.
O recoñecemento deste dereito é unha garantía fundamental dun futuro de liberdade e xustiza social, porque sen autodeterminación non pode haber democracia.
Causa Galiza foi presentada publicamente o pasado 14 de Xullo na Igrexa de San Martiño Pinario de Compostela. No día da Patria reuniu máis de dúas mil persoas na manifestación que organizou a favor do dereito de autodeterminación.
[na imaxe, de esquerda a dereita, Pedro Alonso, Luís Gonçalves Blasco "Foz" e Loreto Fernández]